Monday 29 de April de 2024

O Concello de Ribeira adxudica a renovación de servizos básicos nas parroquias deAguiño e Corrubedo


O Concelo de Ribeira ven de adxudicar a pavimentación e renovación de servizos na rúa do Curbelo, en Aguiño, por un importe de 91.660,04 euros e un prazo de execución de 4 meses, así como tamén o saneamento na rúa Buenos Aires, en Corrubedo, cun importe de 35.756,37 euros e un prazo de execución de 2 meses.

A actuación na rúa Curbelo ten como propósito mellorar as condicións de accesibilidade e funcionalidade da zona, modernizando a rúa e creando unha plataforma única, dando preferencia ao tránsito peonil. Para iso procederase a mellorar os servizos de saneamento e rede de pluviais de xeito previo á pavimentación da rúa.

Doutra banda, no tramo inicial da Rúa Buenos Aires, na parroquia de Corrubedo, non existe rede de saneamento, polo que se instalará este servizo e realizarase a reposición do pavimento afectado pola execución das gabias. Este investimento inclúese no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+ 2023”.
“Dende o Concello seguimos a traballar para mellorar a pavimentación e o saneamento naquelas rúas que se atopen deterioradas” explicou o alcalde Luís Pérez. “A mellora dos servizos é fundamental para o desenvolvemento sostible de todo o Concello.”